Texto com o título original galego "Por unha nova idea de lusofonía", em linha no sítio Praza Pública e da autoria de Xavier Ron, deputado no parlamento da Galiza, no qual se propõe uma reflexão sobre as perspetivas abertas pela aprovação da Iniciativa Legislativa Popular Paz Andrade. O artigo aqui disponibilizado tem as características das normas gráfica e gramatical definidas pela Real Academia Galega e pelo Instituto da Lingua Galega (sobre a controvérsia a respeito das normas do galego, consultar "Descubra as diferenças").
A cidadanía galega quere achegarse ao mundo lusófono. Ter unha relación máis fraterna coa lingua portuguesa. Polo menos, iso demostran os milleiros de sinaturas que apoiaron a Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz Andrade, tomada en consideración, como di o argot parlamentario, polos catros grupos da Cámara a pasada semana. Pero teñamos coidado cos prexuízos e cos conceptos lingüísticos tratados de forma acientífica ou ideoloxizada. Fuxamos dos esencialismos e dos reducionismos que prescinden da complexa realidade da que falamos.
Houbo, hai estudosos, como Arturo Margarido [sic]* ou Marcos Bagno, que consideran que o concepto de lusofonía está morto. Resulta curioso comprobar que esta visión dáse xustamente na confluencia entre o século XX e o XXI, cando apareceron relatos –absurdos e errados- que falaban do final da historia e ou que aludían a un suposto choque de civilizacións. (O que é e foino sempre é loita de clases, os poderosos contra os de abaixo, o capital contra a democracia). Os estudosos mencionados, ademais, ancóranse na realidade falada no Brasil, resultado non só da lingua colonial senón tamén das achegas das linguas propias, á súa vez minorizadas, das poboacións autóctonas. Dese feito extraen a conclusión de que só a normativa estandarizada e ensinada nos sistemas educativos mantén a ilusión de falar unha mesma lingua. Esa ilusión, que é real, conduciría a pensar que a lusofonía é un concepto morto. Pero non.
Nós consideramos que a lusofonía ten vida, se a encadramos de forma non dogmática. Porque Galicia, como ben sinalou Burghard Baltrush, vive entre dous espazos, o lusófono e o hispanófono, ambos os dous na raíz da latinidade. Ambos os dous atravesados por relatos de colonialismo, de pasado imperialista, de diferentes graos de negación da alteridade que representa o outro autóctono. E ambos os dous confrontados hoxe coa expansión e dominio da lingua nai da globalización, o inglés.
Mais para respondermos se é bo achegarnos á Lusofonía é necesario definir con certa exactitude o que é. Sen dogmatismos. E deixamos xa estabelecido que consideramos que a lusofonía é unha idea válida. A lusofonía pode ser enriquecedora para Galicia, e Galicia pode ser enriquecedora para a lusofonía. Pero cómpre vontade política para poñer en marcha os mecanismos precisos. Así, con esa vontade política e coa presenza das institucións galegas poderíanse ir poñendo os alicerces que precisa o imaxinario social para agarimar o proxecto cultural lusófono. Para sentirse a gusto nunha casa común, hoxe lonxe de ser considerada común, aquí e aló. E nós defenderemos que non se trata de estabelecer novas fronteiras, de introducirmos novas liñas de tensión, senón que se trata, precisamente, de derrubarmos valos, de tendermos unha nova concepción cultural que debe ser necesariamente heteroxénea e interdependente, como pedía Fernando Pessoa a inicios do século XX.
Velaquí os trazos dunha concepción que dea calor e achegue convivencia, sen pretensións totalizadoras: cultura e afectividade; solidariedade e horizontalidade; pluralismo e participación; comunicación e intercomprensión; diálogo e cooperación; reciprocidade e recoñecemento das identidades en xogo. Claro está, para esta concepción ser plena e para que a lusofonía sexa realmente un espazo aberto, deberían cambiarse as leis migratorias que bunquerizan Europa. Porque esas leis son as que trasladan o paradoxo de que mentres as culturas das persoas poden vivir nun imaxinario común, as persoas son relegadas do proxecto vital común que é a cidadanía. Por iso, amais dos precisos cambios lexislativos en materia migratoria, a presenza da lingua portuguesa no ensino en Galicia debe servir de elemento de acollida da poboación procedente de países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
E velaquí o gran paradoxo: temos que reclamar un lugar para a lingua portuguesa no sistema educativo galego cando as propias autoridades galegas e as súas homólogas do Estado queren negar plena relevancia e funcionalidade para o galego. É rechamante, e entristecedor, comprobar que en Galicia imos por detrás de Estremadura e de Andalucía no proceso de implantación dos estudos de portugués no ensino básico e secundario. É preciso, e niso incide a ILP Paz Andrade, que o ensino da lingua portuguesa sexa materia de oferta obrigatoria en Galicia cando menos á mesma altura ca o inglés e o francés. Temos unha excelente ocasión para o re-coñecemento, sempre en clave de reciprocidade, das artes, para o intercambio de experiencias artísticas, audiovisuais, musicais, editoriais, e tamén políticas, sociais e económicas.
Mais Galicia debe coller corpo ademais no relato que constrúen os países da CPLP. E unha identidade precisa ser comunicada e entendida. Para que non aconteza o que relata Xoán Carlos Lagares co galego para os falantes de portugués no Brasil: o descoñecemento da súa existencia. E iso que ao abeiro dos estudos poscoloniais, que cuestionan os preceptos herdados do imperio portugués, nas universidades do Brasil estase producindo un re-coñecemento do galego en clave de igualdade que se afasta da análise do Estado-nación como berce do portugués e que achega importantes conclusións para o estudo da orixe do portugués brasileiro.
Desde este punto de vista, Galicia e o galego achegan unha forza determinante para a conformación dunha nova idea de lusofonía –concepto, por certo, raramente empregado no Brasil nos estudos sobre lingua-, respectuosa coas linguas minorizadas e coñecedora –e polo tanto crítica- das consecuencias do colonialismo e do imperialismo. Galicia pode trasladar a súa experiencia –que narra como aumentan día a día as dificultades pola nula capacidade propositiva e reactiva da Xunta de Galicia- en materia de dereitos lingüísticos e de respecto pola diversidade. O escritor Saramago resumiuno así: «A CPLP será un instrumento de superior eficacia para que academos o obxectivo fundamental: unha gran comunidade de culturas que, sen prexuízo das súas diversidades e diferenzas, se atoparán reunidas pola voz común e por novos camiños fraternais.»
*N. E. – O nome mencionado ocorre por lapso, em vez de Alfredo Margarido, conhecido académico português que criticou o conceito de lusofonia (cf. Alfredo Margarido. 2000. A Lusofonia e os Lusófonos: Novos Mitos Portugueses. Lisboa: Edições Universitárias Lusófonas e respetiva resenha de Igor José de Renó Machado).
Cf. Conceito de Lusofonia, de Maria Sousa Galito.
artigo publicado em 23 de maio de 2013 no sítio Praza Pública